Tuesday 14 de May de 2024

Reanúdase a obra pública municipal en Ribeira por importe de 1,1 millóns de euros


 

OS GRUPOS DA COORPORACIÓN PREPARAN UN PLAN DE AXUDA AOS DAMNIFICADOS DO COVID-19 POR UN MILLÓN DE EUROS

Logo de que o Goberno do Estado dera luz verde á volta ao traballo dalgunhas actividades consideradas non esenciais, entre hoxe e mañá estase a reactivar en Ribeira a obra pública municipal con actuacións por un valor de 1.109.000 euros, segundo se deu conta esta mañá no seo da Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19.

A isto hai que engadir que en próximas datas se sumarán tamén outras intervencións por valor de 460.000 euros, o que fai que de aquí a unhas poucas semanas a obra pública municipal a pleno rendemento superará os 1,5 millóns de euros de investimento.

Noutra orde de cousas, tamén na Comisión se deu conta de que esta madrugada comezou o reparto de mascarillas na parada central de autobuses para proveer deste material de autoprotección a traballadores que empregan o transporte colectivo conforme aos criterios do Goberno do Estado (que aportou un total de 5.000). Este labor está sendo desempeñado de forma coordinada entre a Policía Nacional, Policía Local, GAEM e Protección Civil. Agradeceuse neste senso a implicación dos axentes do Corpo Nacional de Policía.

Inclusión de Hilos Rojos
Así mesmo, no capítulo de agradecementos salientouse a incorporación do colectivo Hilos Rojos ao programa de voluntariado coordinado dende o Concello para a confección de mascarillas domésticas. Tamén se destacou a aportación de Construccións Abelleira, que doou hipoclorito para a desinfección de vías e mobiliario urbano, así como de ReGalicia, que sigue a realizar cabinas de intubación para poñelas a disposición do Hospital da Barbanza (o GAEM está a xestionar a traída de novo material dende A Coruña para facelas posible).

Por outra parte, informouse de que o número de denuncias por quebrantar a obriga de confinamento se elevan xa a 129 logo de propoñer para sanción outros 34 casos entre a Policía Local e a Policía Nacional dende o pasado mércores.

Xunta de Voceiros
Por último, cómpre informar de que logo da Comisión tivo lugar unha Xunta de Voceiros en virtude da cal se está a preparar entre os diferentes grupos da Corporación un plan de axuda aos damnificados do COVID-19 por unha contía de 1.000.000 euros, que incluiría todo tipo de accións destinadas a particulares, autónomos, empresas, escolarización, etc.